
A Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Interuniversitaria de Filosofía de Santiago celebraron os días 23 e 24 de outubro o Memorial Académico “Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e Lingua”, un encontro que reuniu destacados especialistas para lembrar a figura e o legado intelectual do profesor e filósofo galego, seis anos despois do seu pasamento.
O memorial, que se desenvolveu nos campus de Santiago e Lugo, contou coa organización da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía e de Egeria / Brandán Comunicación, coa colaboración das facultades de Filosofía e de Formación do Profesorado da USC, e o patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Reflexión filosófica e compromiso coa lingua
A sesión inaugural, celebrada no Salón de Actos da Facultade de Filosofía en Santiago, contou coa conferencia do catedrático Helio Carpintero Capell (UCM), presidente da Academia de Psicoloxía, quen abordou o tema “Lingua e razón vital. Notas sobre unha lingüística orteguiana en homenaxe a Manuel Regueiro”.
Durante esta primeira xornada, diversos relatorios profundaron nas múltiples facetas do homenaxeado: o pensamento filosófico, o seu labor arredor da lingua galega e a súa vinculación co Centro Ramón Piñeiro. Entre os participantes estiveron Agustín Dosil Maceira, Marcelino Agís Villaverde, Carlos Baliñas Fernández, Ángel González Fernández, Rocío Carolo , Mercedes Brea, José Ramón López, Isabel González e Armando Requeixo.
O día 24, o memorial trasladouse ao Campus de Lugo, onde se abordaron as dimensións docente e persoal de Regueiro, cunha especial atención ao seu compromiso coa educación e coa fe. Participaron Jaime Santoalla, Manuela Lopez Besteiro, Miguel Ángel Quintanar, Pedro Rubal e José Huerta. O acto de clausura estivo a cargo de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, coa conferencia “Regueiro e a lingua hoxe”.
Un legado vivo
As intervencións puxeron de manifesto a relevancia da traxectoria intelectual e humana de Manuel Regueiro Tenreiro, profesor e referente no diálogo entre filosofía e lingua, así como o seu labor na defensa do pensamento crítico e do galego como vehículo de expresión filosófica.
O encontro, aberto ao público, converteuse nun espazo de lembranza e de reflexión sobre o valor da lingua e da filosofía no desenvolvemento da identidade cultural galega.
