Presentado o libro “MANUEL REGUEIRO TENREIRO, Harmónico bilingüismo… Harmonía vital” en Perbes

Nun acto celebrado no local da Asociación de Veciños Xarío, de Perbes (Miño), ao que asistiron medio cento de veciños de Perbes, amigos de Manolo, vén de presentarse o libro “MANUEL REGUEIRO TENREIRO, Harmónico bilingüismo… Harmonía vital”, promovido polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia. Xunto co libro foi presentada a web www.manoloregueiro.gal, que recolle íntegros os contidos desta publicación de homenaxe ao profesor Regueiro Tenreiro, filósofo e escritor, no que participan oitenta especialistas, compañeiros e amigos.

Deu a benvida a presidenta da Asociación de Veciños, Ángeles Gómez de Silva, e posteriormente interviñeron na presentación Pura Galán Voutureira, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Juan Piñeiro Permuy, fillo predilecto do Concello de Miño, ex-Conselleiro de Educación, e amigo de Regueiro desde a nenez; Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño; a viúva do homenaxeado, María Teresa Pérez, e o Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

O libro “MANUEL REGUEIRO TENREIRO, Harmónico bilingüismo… Harmonía vital” está accesible na web do proxecto, no Portal da Lingua Galega, e na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital.