Presentado o libro “Don Ricardo de Fingoi” en Lugo

Onte foi presentado na Biblioteca Provincial de Lugo o libro “Don Ricardo de Fingoi”, sobre os quince anos lucenses de Ricardo Carballo Calero. Á presentación asistiron vinte persoas que se inscribiron telematicamente e que completaron o aforo legalmente permitido.

Participaron no evento Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Magalí Carballo, filla do escritor; Asunción Fernández (Siña), directora do Colexio Fingoi; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

No decurso deste acto rendeuse homenaxe á discípula de Carballo Calero, Araceli Herrero Figueroa, recentemente falecida, e que tivo parte importante na confección deste libro e preparación de documentación para o proxecto “Don Ricardo de Fingoi”.

O libro, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais deste libro, unha web e unha exposición itinerante con opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi (exposta esta semana na Biblioteca Provincial de Lugo), ademais dun folleto que reflicte integramente os trece paneis da exposición.

Paralelamente, esta semana a Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle a exposición DO LUCENSE FRAGUAS AO LUCENSE CARBALLO CALERO, unha mostra que reúne aos dous últimos homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Máis información: www.carballocaleroenlugo.org