Presentado no IES Pedregal de Irimia de Meira o proxecto “Os nove anos de Fraguas en Lugo”
Foi presentado no IES Pedregal de Irimia de Meira (Lugo) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o vicedirector do centro, Óscar Trigo, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel. Neste acto foron presentadas todas estas accións.
"Os nove anos de Fraguas en Lugo"
Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
Polo recente pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a homenaxe a Fraguas ven ser tamén unha homenaxe póstuma ao iniciador deste proxecto, o derradeiro no que con grande ilusión se involucrou.
O proxecto "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas estas accións, e co apoio da Xunta de Galicia.
Esta exposición xa visitou Lugo (IES Lucus Augusti e Biblioteca Provincial), Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas, IES Rosalía de Castro e Pazo de San Roque), A Estrada (Casa das Letras), Vilalba (Casa da Cultura), Ferrol (Ateneo Ferrolán), Guitiriz (IES Poeta Díaz Castro), Burela (IES Perdouro), Palas de Rei (Centro Comarcal da Ulloa), Monterroso (IES), Salamanca (Centro Galego) , Cotobade (Casa do Concello), Becerreá (IES),Viveiro (IES Vilar Ponte) e nas vindeiras semanas percorrerá diversos lugares de Galicia e do resto de España.
Máis información: Proxecto "Os nove anos de Fraguas en Lugo"