Hoxe foi presentado no Instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, en representación da Xunta de Galicia; o director do Instituto Antonio Fraguas, Carlos Encisa; o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; Carolina Martínez en representación da familia de Antonio Fraguas, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel. Neste acto, ao que asistiu tamén un grupo de alumnos do centro, foron presentadas todas estas accións.
"Os nove anos de Fraguas en Lugo"
Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
O proxecto "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas estas accións, e co apoio da Xunta de Galicia.
Máis información: Proxecto "Os nove anos de Fraguas en Lugo"