Onte luns foi presentado no Instituto Lucus Augusti de Lugo (antigo Instituto Masculino) o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO".
Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, xuntaron lembranzas o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da fonda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos vindeiros meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.
Neste acto foron presentadas todas estas accións, e tamén se impuxo o nome Antonio Fraguas ó Arquivo e Biblioteca histórica do Instituto. Por outra banda, fíxose entrega ó centro do cadro realizado polo pintor Manuel Romero co gallo desta celebración.
Ao acto asistiron os promotores do proxecto: o profesor Manuel Regueiro Tenreiro, o historiador Antonio Prado Gómez; os antigos alumnos Xulián Parga, Paco Martín e Xulio Xiz, e outros antigos alumnos e amigos. Participaron tamén Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta de Galicia; o director do IES Lucus Augusti, Carlos Cazón, e o director de GaliciaDigital, Antonio Giz.
O proxecto "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” contou coa colaboración do colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas estas accións, e co apoio da Xunta de Galicia.