Presentado en Castro de Rei e en Lugo o libro “IMOS COLLER NIÑOS NOVOS… Os poemas galegos de Francisco de Fientosa nos cinco idiomas ibéricos”

Os dez poemas galegos de Francisco Vega Ceide -Francisco de Fientosa- edítanse nos cinco idiomas ibéricos polo Colectivo Egeria, para conmemorar os 110 anos do nacemento do escritor en maio de 1912 no Cordón, da parroquia de Santa Locaia do concello lucense de Castro de Rei. A edición está apoiada pola Xunta de Galicia (Política Lingüística) e o Concello de Castro de Rei.

Cun limiar do profesor e escritor Ricardo Polín, máximo coñecedor de Fientosa e a súa obra, o libro comprende un exhaustivo estudo lingüístico e literario do profesor e poeta Xosé Otero Canto (nado tamén no concello de Castro de Rei, na Ponte Outeiro) dos poemas do autor que foi chamado o "Lorca galego", e que tivo tamén tráxico final no convulso Madrid de 1936, aos 24 anos de idade.

A versión ao castelán foi do propio Otero Canto; ao catalán e portugués estivo a cargo de Anamar Rábade, escritora, investigadora da Cultura Celta e historiadora; e ao éuscaro verqueunos o profesor e tradutor Aitor Fernández de Martikiorena Rodríguez. E cada poema leva como complemento ou contrapunto un minimalista e fermosísimo debuxo da profesora e artista vilalbesa María Guerrero. Todas estas aportación conforman un libro fondo e fermoso que se titula IMOS COLLER NIÑOS NOVOS…, que é o primeiro verso do primeiro poema en galego de Francisco de Fientosa.

NotaO libro ven de presentarse na Biblioteca pública de Castro de Rei, berce do escritor homenaxeado (acto ao que corresponde a primeira foto), no que interviñeron o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado; Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; Xosé Otero Canto, Anamar Rábade, Ricardo Polín e Xulio Xiz, polo Colectivo Egeria. Na presentación en Lugo (segunda foto), na Biblioteca Pública provincial, interviñeron María José Gómez Rodríguez, Xefa provincial de Cultura; Alcalde de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, Anamar Rábade, Ricardo Polín e Xulio Xiz.