Presentadas as mostras "Manuel Rodríguez López 2.0" e "Paradela, Senda Infinita" na Coruña

Tivo lugar na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés a presentación das exposicións MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ 2.0 (unha nova edición da mostra sobre a vida e obra do escritor de Paradela cun novo deseño gráfico e contidos actualizados e reestruturados) e PARADELA, SENDA INFINITA (que co gallo da celebración do bicentenario do Concello de Paradela, repasa a historia do mesmo ao longo de 16 paneis).

Participaron na presentación Alejandra Mosquera, directora da Biblioteca; Siro López Lorenzo, autor do retrato que ilustra a exposición sobre Manuel Rodríguez López, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

Manuel Rodríguez López 2.0

A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital, o Colectivo Egeria e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega e Endesa. Esta nova exposición foi posta en marcha este ano como parte das celebracións polos 200 anos do Concello de Paradela.

A exposición orixinal percorreu desde 2013 máis de 21.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Extremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e ás Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Esta nova mostra percorreu este ano o Camiño Francés desde Pedrafita ata Santiago. Está composta por doce paneis, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os gallegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López e tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que está en marcha a XXVIII edición.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org

Paradela, Senda Infinita

Esta mostra conta co patrocinio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia, Abanca e Endesa, e este ano percorreu os concellos do Camiño Francés na nosa comunidade.

O concello de Paradela cumpre 200 anos!

Os 1.678 habitantes de Paradela celebramos que o noso concello celebra o seu bicentenario. E se non puidemos facelo no momento exacto, facémolo neste Xacobeo prolongado, que para todos os galegos é tamén motivo de celebración.

Paradela -xunto co de Santa María de Castro de Rei de Lemos, agora parroquia nosa- foi dos primeiros concellos constitucionais e se daquela comezou a nosa historia moderna, celebralo dous séculos despois énchenos de ledicia que vos queremos contaxiar.

Paradela, senda infinita de natureza e vida, é parte esencial do Camiño Francés a Compostela, acubillou vida desde hai milenios e navegou camiños de auga que, mesmo represados, son fonte de vida.

Convidámosvos a Paradela, agora e sempre, para descubrir os nosos segredos, a nosa vida e a nosa hospitalidade.

Benvidos á terra amiga de Paradela!

Máis información: https://museovirtualegeria.org/gl/paradela-senda-infinita