Presentada no Lar Gallego de Pamplona a exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López

O venres 4 de outubro tivo lugar no Lar Gallego de Pamplona a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No devandito acto participaron varios directivos do Lar Gallego, entre os que se atopaba a súa presidenta, María Jesús Rodríguez, ademais do director de GaliciaDigital (Antonio Giz).

A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría  Xeral de Política Lingüística) e a a Real Academia Galega.

Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 7 anos máis de 18.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Sevilla ou Valladolid, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

A exposición estará en Pamplona ata o 14 de outubro, e está previsto que este ano visite tamén o Centro Gallego de Santander.

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século  XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXV edición.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org