Presentada a mostra "Manuel Rodríguez López 2.0" en Palas de Rei

Tivo lugar no Centro Comarcal da Ulloa, en Palas de Rei, a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ 2.0, unha nova edición da mostra sobre a vida e obra do escritor de Paradela, cun novo deseño gráfico, contidos actualizados e reestruturados, e un acceso inmediato a contidos multimedia adicionais a través de códigos QR. A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital, o Colectivo Egeria e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega e Endesa. Esta nova exposición foi posta en marcha este ano como parte das celebracións polos 200 anos do Concello de Paradela.

Participaron na presentación Ana Mel, xefa de Coordinación Cultural da Xunta en Lugo; José Manuel Mato, alcalde de Paradela; Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei; Celestino Amigo, secretario do Concello de Palas de Rei; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

A exposición orixinal percorreu desde 2013 máis de 21.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Extremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e ás Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Esta nova mostra continuará a súa andaina este ano percorrendo o Camiño Francés desde Pedrafita ata Santiago. Está composta por doce paneis, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os gallegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López e tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que está en marcha a XXVIII edición.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org