Presentada a exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ no IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, foi presentada hoxe no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o vindeiro luns. Ao acto de inauguración asistiron Xabier Mouriño, director do centro; Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística; Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria, e un grupo de alumnos e alumnas do centro.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollerán opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, iniciando o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Agora é a quenda do que foi Instituto de Carballo Calero en Compostela (IES Rosalía de Castro), e nas vindeiras semanas chegará a centros educativos, culturais e concellos de toda Galicia.