Presentada a exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña
A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, foi presentada hoxe na Biblioteca Miguel González Garcés, da Coruña, onde permanecerá ata o vindeiro venres. Ao acto de inauguración asistiron Marisol González Regal, directora da biblioteca; Marisol Truque, antiga alumna de Carballo Calero; Xosé María Gómez Vilabella, escritor; Siro López Lorenzo, artista gráfico que aportou varios traballos a este proxecto, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.
A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.
O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollerán opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.
No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.
A exposición ten carácter itinerante, iniciando o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Despois de estar en Santiago de Compostela, Sarria e Paradela, nas vindeiras semanas chegará a centros educativos, culturais e concellos de toda Galicia.