Presentación de LUGOPOÉTICA 2024
O próximo martes, día 27, vai ser presentada no Salón Muralla da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo “LUGOPOÉTICA”, unha acción cultural da U.N.E.D. e a Xunta de Galicia, desenvolvida por Egeria, na que participarán 12 poetas ( 6 mulleres e seis homes), seis con destacada traxectoria e seis novas voces do rico panorama poético lucense.
Na presentación participarán a directora en Lugo da Uned, Ana Traseira; Marta Barreiro, Delegada accidental da Xunta en Lugo; Sagrario Sánchez, Xefa territorial de Educación, Cultura e Universidades; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García e o Presidente de Egeria, Xulio Xiz.
Lugopoética
Serán 6 encontros de poetas consagrados/as e noveis para contrastar a súa obra, homenaxear aos veteranos e potenciar a carreira dos novos creadores: 3 escritores e 3 escritoras de longa e frutífera traxectoria, e outras tantas voces novas que camiñan de xeito firme polos vieiros da poesía de Galicia. Os Encontros faranse cara ao público na sede lucense da UNED, serán gravados e transmitidos pola UNED pola súa rede de comunicación, e difundidos por internet. Serán sesións públicas de arredor dunha hora de duración, cada unha cun “contraste” entre creadores, selección do máis destacado da obra de cada poeta, lectura desas obras e xuízo mutuo.
Resultado destes encontros será unha publicación dixital e física: Libro de poesía en galego, con selección da obras dos poetas novos, “avalada” polos consagrados, e o xuízo dun especialista en literatura galega da UNED sobre o froito poético das doce voces mencionadas. Nestas xornadas, o coordinador presentará ao poeta consagrado, que lerá e comentará o seu poema máis significativo; presentará ao novo poeta con igual tratamento, e a continuación suscitará o diálogo entre poetas, con lectura e comentario da poesía do poeta novo para rematar cun xuízo breve do especialista en poesía galega da UNED, que resumirá a experiencia do día. LUGOPOÉTICA 2024 nace con vocación de continuidade, pretendendo continuar no futuro con similares Encontros que reflictan a riqueza e potencial da creación poética nas terras lucenses.
Os encontros
Xosé Otero Canto – Terra Chá / Antonio Calvo Varela – Lugo
XOSÉ OTERO CANTO (Ponte de Outeiro - Castro de Rei, 1951). Catedrático xubilado de Lingua Castelá e Literatura, deuse a coñecer como poeta en 2006, obtivo numerosos premios, e publicou unha vintena de libros de poesía, deles 14 poemarios con títulos como ‘Outono, mancebo céfiro das ás ergueitas’, ‘Salaios da Chaira’, ‘Miño río pai e amigo’, ‘Guía poética da Muralla de Lugo’, ‘Poemas da cidade’, ‘Valuria’, ‘Muralla lúa chea imperial’ ou ‘Sinódica Luz’.
ANTONIO CALVO VARELA (Pontedeume, 1942). Catedrático de Filosofía. Exerceu no IES Lucus Augusti de Lugo e foi xefe de estudos e secretario do Ingabad. De 1991 a 2005 foi delegado provincial en Lugo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Escribe poesía, e un amigo presentou no seu nome un poema ao Certame de Poesía do Belén de Begonte, conseguindo así o seu primeiro premio literario.
Mero Iglesias Dobarrio – Vilalba / Fco. J. Neira Pampín - Lugo
BALDOMERO IGLESIAS DOBARRIO, Mero (Vilalba, 1951). Profesor, cantante e escritor. Membro fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla, ten recollido canción tradicional por toda Galicia, e composto música como a de ‘O Carro’, que dan máis vida a poemas fundamentais. Galardoado co Pedrón de Ouro ou Facer País, o seu labor poético está recollido en libros esenciais, e tenlle deparado numerosos premios.
FRANCISCO JAVIER NEIRA PAMPÍN (Santiago, 1953). Licenciado en Medicina e Cirurxía e especialista en Uroloxía. Na actualidade, traballa en Polusa (Lugo). É membro da Sociedade Galega e Española de Uroloxía. Cultiva a pintura, a música e a escrita. Ten publicadas cinco novelas e dous libros de poemas: un en solitario -’Vaite baixo’- e outro con Xosé Carlos Ulloa, ‘Nuevo amanecer’.
Lois Pérez Díaz – Lugo / Daniel Irimia – Cospeito
LOIS PÉREZ DÍAZ. Lugo, 1979. Mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista, como poeta publicou ‘LP’, ‘Long Play’ e ‘Lugo Philadelphia’, con fotografías de Alba Díaz. Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Ten obtido os premios de Teatro radiofónico da Radio Galega; Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia en 2018), Agustín Fernández Paz e os de literatura infantil Raíña Lupa e María Victoria Moreno.
DANIEL IRIMIA YÁÑEZ (Momán - Cospeito, 1995). Estudou Bioloxía na USC, especializándose en xestión da biodiversidade na de Granada. Ten desenvolvido traballos de investigación no Departamento de Botánica do Campus de Lugo, destacando na creación literaria, especialmente na poesía. Premiado co Díaz Jácome para novos creadores e no de Cambre, ten publicado Cristal de bágoas, premio de poesía O Facho.
María Xosé Lamas - Vilalba / Brenda Mondelo – Pedrafita
MARÍA XOSÉ LAMAS FERNÁNDEZ (Vilalba, 1961). Profesora, poeta e actriz, ten un importante labor no teatro afeccionado como autora, tradutora, adaptadora e directora, e tamén como pedagoga e divulgadora. En poesía acadou os premios do Concello de Vilalba e Arume de poesía para nenos, tendo publicados títulos como ‘Catro palabras caladas’, ‘Datando lembranzas’, ‘Con Fausto por este río acima’ ou ‘Sonetos preposicionais’.
BRENDA MONDELO (O Seixo, Pedrafita do Cebreiro, 1994). En ‘O espello de Celia’ (Premio Xoán Díaz), conversaba cunha das últimas habitantes da súa aldea, falecida no 2017. Gañou o (Re)inventando Xela Arias e o Lorenzo Baleirón con ‘Neve’, editado por Chan da Pólvora. Participou na obra colectiva ‘Última poesía crítica. Jóvenes poetas en tiempos de colapso’. Escribe sobre as persoas que viviron nun mundo que logra recuperar a través da poesía.
Olga Novo – Pobra do Brollón / Cristina Corral Soilán – Lugo
OLGA NOVO (Vilarmao - Pobra do Brollón, 1975). Doutora en Filoloxía galega pola USC, posúe os premios Losada Diéguez e os Nacionais da Crítica e de Poesía. O Patronato de Cultura Galega de Montevideo dedicoulle en 2004 o Día da Poesía Galega. Libros sobre a obra de Rodríguez Fer e Novoneyra, acredítana como ensaísta. Luminosos poemarios (‘A teta sobre o sol’, ‘Nós nus’, ‘A cousa vermella’, ‘Cráter’, ‘Feliz idade’…) conságrana como gran poeta.
CRISTINA CORRAL SOILÁN (Lugo, 1976). Escritora, xornalista e profesora de lingua e literatura española. Ten traballado no xornal El Progreso de Lugo e Europa Press. Escribe contos, teatro e cancións para nen@s, colabora en diversos medios, ademais de ser co-editora do fanzine ‘A Revolta’. Dende 2017 co-dirixe o proxecto Espora (Escolas pola Radio) co que traballa en toda Galiza.
Marica Campo – O Incio / Eva Teixeiro - Guitiriz
MARICA CAMPO (Mª Pilar Campo Domínguez. Val do Mao-Incio, 1948). Fuxan os Ventos e A Quenlla cantaron poemas seus. É autora do musical ‘A Casa’ e de obras teatrais como ‘O premexentes non poden cos paxaros rebezos’ ou ‘Confusión de María Balteira’. Premio da Cultura Galega, conmóvenos cos poemarios ‘Tras as portas do rostro’ ou ‘Pedinche luz prestada’, e a súa ‘Memoria para Xoana’ foi Premio de Narrativa Concello de Vilalba, editada por Espiral Maior e premiada pola AELG.
EVA TEIXEIRO (Eva María Teijeiro Suárez. Lugo, 1975). Profesora de Lingua e Literatura españolas no IES Díaz Castro de Guitiriz, forma parte do colectivo Comadres das Letras, co que publicou ‘Contármonos’ (2023). Autora de mapa.gal (2023). Responsable dos blogs de creación probaorellas.blogspot. com e entrenodiariocanti.blogspot.com, foi premiada nos Certames A Pipa'97, MicrorrelatAs (2021) e Manuel Oreste Rodríguez López (2021) .