Presentación de “EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR", novo libro de José Manuel Espiño Meilán

O próximo martes, día 18, ás 19,00 h., no patio central de O Vello Cárcere, vaise presentar o libro EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR, do lucense residente nas Illas Canarias, José Manuel Espiño Meilán.

O autor estudou Maxisterio en Lugo, especializándose –entre outras materias- en Ciencias da Natureza. Profesor en Las Palmas desde 1977, con decidida vocación naturalista, foi pioneiro nas Illas Canarias en conxugar educación e natureza, e converteuse en especial divulgador da riqueza natural das Illas tanto no ámbito educativo como a través de conferencias, xornadas ou tertulias, espallando entre os canarios as riquezas naturais daquel arquipélago.

Toda a súa obra esta centrada, baseada, na natureza, historia, lendas e vida das Canarias, e tamén de Galicia, coa que segue plenamente conectado e onde pasa longas tempadas cada ano.

Creou o colectivo naturalista TURCÓN, do que é presidente de honra, e co que fixo numerosas publicacións, viaxes, investigacións, estudos, acampadas, repoboacións, limpeza e accións reivindicativas en defensa do medio natural.

A obra que presenta este martes no Vello Cárcere, é EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR, na que efectúa un paseo polo litoral de Telde, facendo vivir ao lector unha aventura inesquecible mergullado na natureza viva deste territorio grancanario.