O luns trinta de decembro celebrouse en Lugo o peche do "Ano Fraguas", nun acto que tivo lugar na sala de exposicións da Xunta de Galicia en Lugo, presidido polo Delegado Territorial, Jose Manuel Balseiro Orol.
Para este acto, na sala de exposicións da delegación territorial montouse a exposición "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO", que forma parte do proxecto do mesmo título, promovido por Manuel Regueiro Tenreiro (+), e no que tiveron parte activa Xulián Parga, Paco Martín, o historiador Antonio Prado Gómez e o xornalista Xulio Xiz, xunto co colectivo Egeria, coa colaboración de antiguos alumnos do profesor Fraguas. Ao producirse o pasamento de Manuel Regueiro Tenreiro, pouco despois da inauguración da mostra, este proxecto é tamén homenaxe póstuma a quen tanta ilusión puxo nesta homenaxe ao profesor honrado co Día das Letras Galegas.
O desenvolvemento do proxecto –que contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- consistiu na publicación dun libro, unha web (www.fraguasenlugo.org), esta exposición itinerante e un folleto que recolle os contidos desta mostra. Asimesmo, o pintor Manuel Romero confeccionou cinco cadros sobre as etapas vitais de Fraguas que foron entregados ao Instituto de Lugo, Concello de Cotobade, Instituto Rosalía de Castro de Santiago, Museo do Pobo Galego e Instituto Padre Sarmiento.
A exposición foi inaugurada no Instituto Lucus Augusti (Instituto de Fraguas en Lugo), viaxou por diversos centros de ensino medio da provincia, os dous institutos de Fraguas en Santiago (o Rosalía de Castro e o que leva o seu nome), foi á súa terra natal de Cotobade, ao Pazo de San Roque en Compostela, para rematar o seu percorrido a semana pasada no Belén de Begonte. En total foron 22 os destinos desta exposición de "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO".