O proxecto “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que conta coa participación de GaliciaDigital e o Colectivo Egeria, chega á Biblioteca Provincial de Lugo

Desde hoxe pode visitarse na Biblioteca Provincial de Lugo o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Este proxecto está composto polo libro “Os  nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos próximos meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.

"Os nove anos de Fraguas en Lugo"

Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.

O proxecto "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas estas accións, e co apoio da Xunta de Galicia.

Máis información:  Proxecto "Os nove anos de Fraguas en Lugo"