O libro PIONEIRAS DE CIENCIAS DE LUGO, presentado en Ribadeo

O libro PIONEIRAS DE CIENCIAS DE LUGO, da profesora lucense María Isabel Fernández García, foi presentado en Ribadeo no Teatro municipal da localidade, no transcurso dun acto no que actuou o Coro do Sagrado Corazón, dirixido por María del Carmen Rodríguez Cancelo.

Presentou á autora a farmacéutica Montserrat Iglesias, membro do grupo ribadense que colaborou con María Isabel Fernández na investigación efectuada en Ribadeo sobre a vida da primeira “Pioneira de ciencias en Lugo”, a tamén farmacéutica Manuela Barreiro Pico.

A autora, axudada coa proxección de numerosas imaxes, explicou exhaustivamente o complexo proceso de investigación sobre a vida e a obra desta primeira científica da provincia de Lugo, que encabeza unha nutrida lista de case un cento de farmacéuticas, médicas, profesoras… que fixeron historia abrindo camiños difíciles que hoxe son doados de transitar.

Pechou o acto a xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez Rodríguez, que fixo fincapé no mérito destas pioneiras por conseguir que na actualidade o feito da existencia de mulleres científicas no noso país sexa o máis natural.

O libro está publicado polo Colectivo Egeria con axuda da Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Política Social e de Educación, Cultura e Universidade.

A presentación constituíu un auténtico acontecemento social, ao que asistiron preto de duascentas persoas.