Tivo lugar na Casa do Concello de Rábade a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron a concelleira de Cultura de Rábade, Mª José De Arriba; a viúva do escritor, Irene López; seu fillo, Santiago Rodríguez, e o presidente del Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido polo Colectivo Egeria, GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a a Real Academia Galega.
Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).
Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición.
Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org