O Colectivo Egeria presenta "O Sorriso de Lilí", libro en homenaxe a Araceli Herrero Figueroa

Nun acto celebrado na Biblioteca Provincial de Lugo, o Colectivo Egeria vén de presentar o libro "O Sorriso de Lilí", unha homenaxe a Araceli Herrero Figueroa. A presentación tivo lugar na ampla entrada da Biblioteca, ante a imposibilidade de acoller no salón de actos aos máis de oitenta asistentes.

"O Sorriso de Lilí", coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, conta con sesenta e nove colaboracións de amigos, compañeiros, familiares, ou persoeiros das letras de Galicia, dos que alomenos trinta deles mencionaron nos seus traballos o luminoso sorriso (por veces pícaro, por veces socarrón, sempre amistoso) que caracterizaba a Araceli Herrero, e que da título ao libro.

Participaron no acto Nieves Villanueva Abelairas, escritora e amiga; Ramón Reimunde Noreña, profesor e escritor; Bernardo Penabade, profesor; Francisco José Silvosa Costa, compañeiro de Araceli; Gustavo Vázquez Herrero, fillo da homenaxeada; Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

O Sorriso de Lilí, polo Colectivo Egeria

Cando hai un ano que Araceli, fisicamente, nos deixou, un grupo de incondicionais seus quixemos plasmar no libro "O sorriso de Lilí" as impresións máis inmediatas, case repentinas, que o seu pasamento nos fixo expresar.

E do mesmo xeito que moitas outras persoas se terían incorporado a esta iniciativa se tivesen oportunidade de facelo, quixemos que aquí aparecesen -todas e todos- familiares, amigos, compañeiros, profesores ou alumnos, igualitariamente, por orde alfabética, sen máis identificación ca a de ter vinculación anímica directa con esta muller especial, toda sorriso e agarimo, toda ciencia e intelixencia, que deixou en nós unha pegada inesquecible.

E se, cando comezamos con esta iniciativa, “O sorriso de Lilí”, coidabamos podería ser entendido como algo exterior ou superficial, ao comprobar que moitos participantes facían mención desta característica de Araceli coidamos que tiña forza abonda para ser utilizada como primeiro elemento para abordar tan rica personalidade que ninguén que a coñecese deixaba de estimar.

Velaquí, pois, sesenta e nove homenaxes a Araceli Herrero Figueroa, para deixar constancia de que todas/todos, dun ou doutro xeito, quedamos conquistados, agradecidos, iluminados por O SORRISO DE LILÍ.

Máis información: Web do proxecto