O Colectivo Egeria presenta o seu Museo Virtual

O Colectivo Egeria está desenvolvendo un traballo de achegamento ao gran público de temas e persoas esenciais para o país. E este achegamento efectúao cunha serie de exposicións itinerantes pola xeografía galega para poñer de manifesto diante d@s galeg@s as nosas realidades e potencialidades.

En canto a persoas, persoeiros, se refire, ofrecemos cadansúa exposición sobre ANTONIO FRAGUAS (2019), RICARDO CARBALLO CALERO (2020) e XELA ARIAS (2021), aos que se lles dedicaron os tres últimos Días das Letras Galegas, así como o noso proxecto sobre MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, EMIGRANTE GALEGO E POETA OBREIRO. E en canto a realidades/potencialidades, mostras como 350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA NA CATEDRAL DE LUGO, 800 ANOS DA CATEDRAL DE MONDOÑEDO, ou O FIN DO CAMIÑO...

E todas estas exposicións, a través deste MUSEO VIRTUAL, póñense gratuitamente ao dispor de quen queira utilizalas, especialmente centros educativos e entidades culturais, proporcionándolles un material que entedemos será de interese para estudantes e para o público en xeral, co que os fins deste Colectivo de achegar aos galegos temas relacionados coa Cultura de Galicia estarán cumpríndose.