Novas exposicións de Xela Arias

O Colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia, ten en circulación por todo o país a exposición AQUELA NENA DE SARRIA, que reflicte os anos sarriáns e lucenses da futura escritora, con especial incidencia na súa vida no Colexio de Barreiros, onde seu pai, Valentín Arias, era Director.

Na exposición aportan as súas creacións na honra de Xela poetas sarriáns actuais, así como o alumnado dos institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, o colectivo “Nova Poesía Guitírica” con Vilariñas a Xela, e “Elas”, as compañeiras de viaxe e continuadoras poéticas da sarriá á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas.

Ata este momento, a exposición ten percorrido os centros educativos do concello de Sarria e a Casa da Cultura do Concello, as Bibliotecas provinciais de Lugo e a Coruña, o Colexio Fingoi, e os institutos Rosalía de Castro (Santiago) e Castelao (Vigo), onde estudou Xela Arias, e o Centro de Formación Profesional Manuel Antonio de Vigo.

Con posterioridade esta mostra ten comprometido acudir a Cangas de Morrazo (Escola Nazareth), Ribadeo (Instituto Gamallo Fierros), Colexio Ramón Piñeiro da Pobra do San Xiao, Casa da Cutura de Quiroga e, en Lugo, a Escola Oficial de Idiomas e o Instituto Leiras Pulpeiro.

Ao achegarse o Día das Letras e producirse numerosas peticións para que a exposición visitase puntos de toda a xeografía galega, tomouse a decisión de facer novas edicións especiais desa exposición a xeito de prismas cuadrangulares, xuntando cada prisma catro dos paneis da exposición, para tratar de atender todas as solicitudes.
 
Nestes momentos, esta nova exposición pode contemplarse nas Delegacións territoriais da Xunta en toda Galicia, no Concello de Sarria, MUPEGA, Pazo de San Roque en Santiago, Instituto Castelao de Vigo, Facultade de Educación de Santiago de Compostela e Real Academia Galega.