A mostra "Paradela, senda infinita” foi presentada en Palas de Rei

Foi presentada no Centro Comarcal da Ulloa, en Palas de Rei, a mostra itinerante "PARADELA, SENDA INFINITA", que co gallo da celebración do bicentenario do Concello de Paradela, repasa a historia do mesmo ao longo de 16 paneis. A mostra conta co patrocinio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia, Abanca e Endesa, e este ano está a percorrer os concellos do Camiño Francés na nosa comunidade.

Participaron na presentación Adrián Fernández, tenente de alcalde de Paradela; Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei; Celestino Amigo, secretario do Concello de Palas de Rei; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

Paradela, Senda Infinita

O concello de Paradela cumpre 200 anos!

Os 1.678 habitantes de Paradela celebramos que o noso concello celebra o seu bicentenario. E se non puidemos facelo no momento exacto, facémolo neste Xacobeo prolongado, que para todos os galegos é tamén motivo de celebración.

Paradela -xunto co de Santa María de Castro de Rei de Lemos, agora parroquia nosa- foi dos primeiros concellos constitucionais e se daquela comezou a nosa historia moderna, celebralo dous séculos despois énchenos de ledicia que vos queremos contaxiar.

Paradela, senda infinita de natureza e vida, é parte esencial do Camiño Francés a Compostela, acubillou vida desde hai milenios e navegou camiños de auga que, mesmo represados, son fonte de vida.

Convidámosvos a Paradela, agora e sempre, para descubrir os nosos segredos, a nosa vida e a nosa hospitalidade.

Benvidos á terra amiga de Paradela!

Máis información: https://museovirtualegeria.org/gl/paradela-senda-infinita