
A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria acoulleu hoxe a presentación da exposición A BANDA DE PARADELA CUMPRE 150 ANOS, que organiza Egeria en colaboración coa Banda de Paradela e co patrocinio do Concello de Paradela e da Xunta de Galicia, e que estivo aberta anteriormente na Casa do Concello de Paradela e nas Bibliotecas de Lugo e A Coruña.
Participaron na presentación, entre outros, a Alcaldesa de Paradela, Montserrat Mullet; o Concelleiro de Cultura de Sarria, César No; o deputado do Parlamento de Galicia, Xosé Manuel Mato; a Presidenta da Banda, Marisol Arias; o Director, Martín Vázquez; o ex-cronista de Sarria, Félix López Arias, «Arlindo»; e Xulio Xiz, en representación de Egeria.
A exposición, que estará en Sarria ata o 25 de abril, está composta por 12 paneis roller de 2x1 metros, e nela faise un especial percorrido desde a fundación da Banda en 1873 ata o momento actual.
A BANDA DE PARADELA CUMPRE 150 ANOS
A Banda de Paradela celebrou en 2023 os seus primeiros 150 anos, con diversos actos e con esta exposición itinerante, que percorre a historia da Banda desde a súa fundación en 1873 ata o momento actual; desde o nacemento como “Banda de Barrido”, por xurdir na aldea do mesmo nome da parroquia de San Vicente de Paradela, ata a agrupación que na actualidade dirixe Martín Vázquez e preside a saxofonista Marisol Arias. Faise especial fincapé nos músicos históricos que quedaron na memoria das xentes de Paradela, e da especial afección musical dos paradelenses, destacando a aldea de Barrido, onde había músicos en todas as casas.
Grazas ás informacións recollidas dos xornais La Idea Moderna, El Lucense, La Voz de la Verdad, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia e El Progreso, desde finais do século XIX, foi posible seguir a traxectoria desta Banda, que despois de Banda de Barrido foi Banda de Barrido-Farbán, para desaparecer a comezos dos anos sesenta pola emigración da maioría dos seus membros, e ser recuperada anos despois por músicos que volveron da emigración ou continuaron con actividades musicais na terra.
Destácanse nomes como Cándido López (impulsor da banda ao volver da emigración en Suiza), Pedro Rodríguez (director, que “tocaba todos os instrumentos”, e na súa memoria ten un pequeno museo na súa casa de Barrido), Ramiro Rodríguez (director, fusilado no tempo da Guerra Civil) e “Ramiriño” (o seu fillo, tamén director, que doou a batuta de director de seu pai e o clarinete que el tocaba, ao CENTRAD de Lugo).
Un panel está dedicado ao músico e director Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000, que tocou no Circo Price, e durante dúas décadas foi director da Banda e Escola de Música. E noutro destácase ao músico máis veterano da Banda, Julio Varela, de 91 anos, que toca o bombo, e á máis nova, Sara Arias, de 9 anos, que toca a trompeta.