Marisol Bravos presenta o seu libro "Unha historia de superación", editado por Egeria
A Biblioteca provincial de Lugo acolleu onte a presentación do libro "UNHA HISTORIA DE SUPERACIÓN", de Marisol Bravos, editado por Egeria coa colaboración da Xunta de Galicia. Ao acto, que contou co acompañamento musical de Aida Río e Roi Álvarez, asistiron Sabela Pérez, directora de Biblioteca; Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria; Pepe Peinó, escritor; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, e a autora da obra.
Marisol Bravos
Filla de labradores (Vilachá de Mera, Lugo, 1955), aos tres anos sufriu a polio, quedándolle unha paraplexía. Debido ás dificultades para que a admitisen na escola, seus pais ensínanlle a ler e escribir. Empeza o Bacharelato polo pracer de estudar e dá clases particulares nos veráns. Fai Maxisterio cun certificado de subnormal (especialidades de Matemáticas e Ciencias e, posteriormente Lingua Galega). Completa a súa formación con cursos, xornadas, encontros...
Traballou na Aula Especial de Minusválidos de Auxilia (1977-78), Escolas Unitarias de Fonteita, Corgo (1978-80) e Román, Vilalba (1980-81), C.P. de Bretoña, Pastoriza (1981), Centro Base do Inserso, Lugo (1981-84), C.P. Castro de Ouro, Alfoz (1984-95), CEIP Veleiro Docampo, Castro R. do Lea (1995-2011) e Colexio Menéndez Pelayo, de Lugo (2011-2015), onde se xubilou. Nestes centros foi coordinadora do ciclo medio e de ciclos de Educación Primaria, do Equipo de Normalización Lingüística, de actividades extraescolares, do departamento de convivencia e secretaria. Colabora en diversos medios —El Progreso, GaliciaDigital, Lugo Sempre entre outros— sobre temas sociais, con especial atención á eliminación de barreiras e inclusión escolar. É coautora do libro «Por un Lugo sen barreiras» (1998) e coimpulsora do proxecto educativo «Aprendemos Xuntos». Realizou un estudo de accesibilidade dos centros educativos da provincia no ano 2000 e coordinou o libro “Anacos da nosa cultura” (2001). Ten tratado diversos temas sociais e de integración en artigos, conferencias ou cursos de voluntariado.
Incluída no libro «Mulleres destacadas de Galicia» (1993), recibiu os premios «Milagrosista do ano» (1996) e «Lucense do ano» (1997). Traballou con Xesús Mato e foi cofundadora do «movemento asociativo» de discapacitados físicos en Lugo, Galicia e España, coordinadora de Auxilia-Lugo (1977-95), representante de Lugo na elaboración da primeira Lei de Integración Social de Minusválidos (1977-82) e membro das xuntas directivas de COCEMFE, AUXILIA NACIONAL e COGAMI.
Tamén foi cofundadora e 1.ª presidenta de FAMISLU (1997-99), membro da comisión elaboradora da Ordenanza municipal de eliminación de barreiras arquitectónicas do Concello de Lugo, responsable do programa de Radio Popular «Unha man amiga» e lectora na Misa de enfermos durante oito anos, colaboradora e impulsora de grupos de Apostolado segrar e do Movemento Bíblico Diocesano, encargada da lectura do Manifesto a Xoán Paulo II na IV Xornada Mundial da Xuventude. Socia de Honra de Auxilia, coimpulsora da primeira viaxe do Inserso para persoas con discapacidade en 1985, participou na inauguración do ascensor da muralla, pioneira en conducir desde cadeira de rodas. Cofundadora do grupo folk «Tangaraño» e Pregoeira das Festas patronais de San Froilán en 2021.