Inaugurada na Coruña a exposición “350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo”

Hoxe foi inaugurada na biblioteca Miguel González Garcés da Coruña a exposición 350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO, con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen a facer en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia. Esta exposición foi promovida polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo, por medio do Centro Eucarístico Lucense e da Catedral de Lugo.

Ao acto asistiron Ovidio Rodeiro (delegado territorial da Xunta na Coruña), Mario Vázquez Carballo (deán da Catedral de Lugo), José Antonio Ferreiro (director do Lucense Eucharisticum Centrum), Xulio Xiz (presidente do Colectivo Egeria), Marisol González Regal (directora da biblioteca) e Marcos Calles (asesor histórico da exposición).

A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e vai ter carácter itinerante, visitando, nunha primeira etapa, as cidades do Antigo Reino, tendo comezado na Catedral lucense este percorrido.

Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva de cara ao futuro desta "chama que non se apaga".

A exposición, que foi dirixida por Xulio Xiz, coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo.

A exposición permanecerá na Coruña ata finais de mes, e posteriormente percorrerá outras capitais do antigo reino de Galicia.