Inaugurada a exposición OS MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO na Biblioteca Ánxel Casal, de Santiago

Esta mañá foi inaugurada na Biblioteca Ánxel Casal, de Santiago de Compostela, a exposición OS MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO, que organiza o Colectivo Egeria e a Fundación Pérez-Carro, e estivo aberta na Biblioteca Provincial de Lugo desde comezos do pasado mes de decembro.

A Mostra está composta por doce paneis -en galego e castelán- e unha vitrina con obxectos e documentos, e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entrega gratuítamente aos visitantes.

Na inauguración interviñeron Jesús Torres, Director da Biblioteca; Xulio Xiz, coautor da exposición, e o Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e nela participaron os deputados por Lugo no Parlamento de Galicia, José Manuel Mato e Nicole Grueira; o xornalista lucense Lois Celeiro e membros das familias Carro Otero e López Carro, de Santiago, familiares dos Pérez-Carro lucenses. 

Na segunda quincena de febreiro esta exposición estará na Biblioteca Miguel González Garces, de A Coruña, e na primeira quincena de marzo na Biblioteca Provincial de Pontevedra.