Este luns 19 de agosto tivo lugar no Centro de Interpretación da Mariña de Foz (Lugo) a inauguración da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez.
No devandito acto participaron o alcalde de Foz (Fran Cajoto), o alcalde de Paradela (José Manuel Mato), o fillo (Santiago Rodríguez) e a viúva do escritor (Irene López); o presidente do Colectivo Egeria (Xulio Xiz) e o director de GaliciaDigital (Antonio Giz).
A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a a Real Academia Galega.
Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 7 anos máis de 18.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria ou Valladolid, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).
A exposición estará en Foz ata o 30 de agosto, e está previsto que este ano visite Sevilla, Pamplona e Santander.
Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXIV edición.
Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org