Hoxe foi inaugurada na Catedral de Tui a exposición 350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO, con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen a facer en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.
Esta exposición foi promovida polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo, por medio do Centro Eucarístico Lucense e da Catedral de Lugo.
Ao acto asistiron Alfonso Rubio (secretario territorial da Xunta en Vigo), Eduardo Freiría Martínez (concelleiro de cultura do Concello de Tui), José Diéguez Dieppa (deán da Catedral de Tui) e Avelino Bouzón Gallego (arquiveiro da Catedral de Tui). Por parte lucense, César Carnero (cóengo e arquiveiro da Catedral de Lugo), Marcos Calles (asesor histórico da exposición) e Xulio Xiz (presidente do Colectivo Egeria).
Despois dunha introdución de Xulio Xiz, Marcos Calles efectuou un recorrido pola exposición, explicando os diversos paneis, e César Carnero resaltou o carácter de “Catedral viva” do primeiro templo lucense, ao que contribúe de xeito moi especial a devoción ao Santísimo en Lugo, que se reflicte nesta exposición.
A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e vai ter carácter itinerante, visitando, nunha primeira etapa, as cidades do Antigo Reino, tendo comezado na Catedral lucense este percorrido.
Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva de cara ao futuro desta "chama que non se apaga".
A exposición, que foi dirixida por Xulio Xiz, coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo.
A exposición permanecerá en Tui ata o día 23 de maio, e posteriormente viaxará ao Seminario de Mondoñedo.