Foi inaugurada na igrexa do Mosteiro de Santa Clara a exposición "350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO", con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen facendo en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.
Esta exposición foi promovida polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo, por medio do Centro Eucarístico Lucense e da Catedral de Lugo.
Ao acto asistiron o arcebispo emérito de Tánger, o Pai Agrelo, o sociólogo Miguel Cancio, o escritor Xoan Xosé Fernández Abella, o xefe de prensa da USC, Lois Celeiro, o franciscano Enrique Mourille e o director do grupo Resonet, Fernando Reyees. Por parte lucense, José Antonio Ferreiro (director do Lucense Eucharisticum Centrum), Marcos Calles (asesor histórico da exposición) e Xulio Xiz (presidente do Colectivo Egeria).
A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e vai ter carácter itinerante, visitando, nunha primeira etapa, as cidades do Antigo Reino, comezando na Catedral lucense este percorrido.
Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva para o futuro desta "chama que non se apaga".
A exposición, que foi dirixida por Xulio Xiz, coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón da Barca, Ángel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo.
Con esta estadía en Santiago de Compostela, a exposición completa o traxecto polas sete capitais do antigo reino de Galicia, se ben están previstos novos traslados no segundo semestre deste ano.