Inaugurada en Lugo a exposición do Club de Prensa de Ferrol “Galicia en Foco”, coa colaboración do Colectivo Egeria

Ás 11.30 horas do venres 6 de marzo tivo lugar no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo a inauguración da exposición Galicia en Foco que organiza o Club de Prensa de Ferrol. No acto participaron Xulio Xiz,  presidente do Colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol e Marta Barreiro Castro, Delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo. Incorporouse posteriormente a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, á que a Xulia Díaz acompañou na visita á exposición.

A mostra itinerante comezou en Ferrol, e tras a súa estancia na Coruña, chega a Lugo da man do Colectivo Egeria e da Asociación Fonmiñá para amosar en distintos lugares de Galicia os traballos presentados polos fotoxornalistas galegos á 28 Edición de Galicia en Foco, e recolle as imaxes que ao longo de 2018 reflexaron o acontecer de Galicia.

A exposición conten as fotos premiadas nesta edición que foron “Alcoa non se pecha”, tomada por Ángel Manso e publicada o martes 23 de outubro de 2018 no xornal “La Voz de Galicia”, que obtivo o “Premio do Ano Galicia en Foco” e a serie “El perdón de los pecados” de Agostiño Iglesias , publicada o 30 de Agosto de 2018 no xornal “La Voz de Galicia”, que obtivo unha mención de honra.   

Galicia en Foco naceu en Ferrol en 1989. É unha traxectoria marcada polo traballo dos profesionais do fotoxornalismo galego. Galicia en Foco é o primeiro movemento fotográfico que se realiza desde Ferrol para toda a Comunidade Autónoma, tendente a reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia, avalada en toda a súa dimensión pola numerosa participación de reporteiros que ao longo dos anos acudiron á convocatoria.

E Exposición permanecerá aberta en Lugo ata o 30 de marzo, para continuar despois o percorrido por outros lugares de Galicia.