Inaugurada en Ferrol a exposición “350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo”

Foi inaugurada no Museo da Semana Santa de Ferrol a exposición "350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO", con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen facendo en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia. No acto participaron Julia Díaz Sixto (Presidenta do Clube de Prensa de Ferrol), Antonio Rodríguez Basanta (Vigairo Xeral da Diocese de Mondoñedo-Ferrol), Mario Vázquez Carballo (Deán da Catedral de Lugo e Vigairo Xeral da Diocese de Lugo) e Xulio Xiz (presidente do Colectivo Egeria).

Esta exposición foi promovida polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia e o Bispado de Lugo, por medio do Centro Eucarístico Lucense e da Catedral de Lugo. A mostra está composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), e ten carácter itinerante.

Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva para o futuro desta "chama que non se apaga".

A exposición, que foi dirixida por Xulio Xiz, coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón da Barca, Ángel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo.

Esta exposición iniciou o seu traxecto polas sete capitais do antigo reino de Galicia, estivo despois en Chantada, Monforte de Lemos e Sarria, e están previstos novos traslados nos vindeiros meses.

Máis información sobre o proxecto