Homenaxe en Salamanca ao profesor Manuel Regueiro Tenreiro
Nun acto celebrado no Centro Galego de Salamanca, vén de presentarse o libro “MANUEL REGUEIRO TENREIRO, Harmónico bilingüismo… Harmonía vital”, promovido polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia. Xunto co libro foi presentada a web www.manoloregueiro.gal, que recolle íntegros os contidos desta publicación de homenaxe ao profesor Regueiro Tenreiro, filósofo e escritor, no que participaron oitenta especialistas, compañeiros e amigos.
Interviñeron na presentación Sabela Pérez Fórneas, Directora da Biblioteca Nodal de Lugo; o Catedrático de Filosofía da Universidade de Salamanca, Antonio Heredia Soriano; Pablo de Unamuno Pérez, Catedrático de Dermatoloxía da USAL; o profesor Fernando Pampín Vázquez, en representación do Centro Galego de Salamanca; Agustín Montalvo, cura que oficiou a voda de Manolo e Maite; a viúva do homenaxeado, María Teresa Pérez, e o Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
Completouse o acto de presentación e homenaxe coa entrega de libros aos asistentes e cun animado coloquio dos presentes sobre a personalidade e labor esencial a prol do idioma galego do profesor homenaxeado, ben coñecido e estimado en Salamanca, onde tivo o seu primeiro destino e onde coñeceu a que hoxe é a súa viúva.