A exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López chega ao Centro Galego de Llodio (Áraba)

Este venres 3 de maio tivo lugar no Centro Galego de Llodio (Áraba) a inauguración da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretaría  Xeral de Política Lingüística), a Real Academia  Galega, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e o Colectivo Egeria.

Esta exposición itinerante percorreu xa numerosas cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Las Palmas de Gran Canaria ou Valladolid, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades de Braga e O Algarve.

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor  paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a  XXIV edición.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org