A exposición AQUELA NENA DE SARRIA, nos colexios FINGOI e FRANCISCANOS de Lugo, na EOI, en Ribadeo e Chantada

Nestes momentos, a exposición AQUELA NENA DE SARRIA, sobre os anos lucenses de Xela Arias, pode visitarse de xeito permanente na Delegación territorial da Xunta de Galicia, pero tamén está ao dispor do alumnado da Escola Oficial de Idiomas, e dos Colexios Fingoi e Franciscanos da capital lucense.

Na provincia, está así mesmo no CEIP Xoán de Requeixo de Chantada, e o luns será inaugurada no IES Gamallo Fierros de Ribadeo.

Esta simultaneidade de exposicións en diferentes puntos, que totalizan neste momento 44 localizacións desde o comezo en Sarria o pasado 15 de marzo, é posible pola confección de exemplares da exposición en prismas cuadrangulares, dos que once están situados en localizacións fixas en centros administrativos e educativos, na Real Academia Galega ou no Museo da Educación en Galicia, e outros van itinerando pola xeografía galega permitindo atender as moi numerosas peticións que se viñeron formulando para poder dispoñer desta mostra, especialmente arredor do Día das Letras Galegas dedicado á lucense Xela Arias.

A mostra, producida polo Colectivo Egeria, está patrocinada pola Xunta de Galicia, e nela colaboran a Real Academia Galega e o Concello de Sarria. Dentro do proxecto de igual nome, funciona tamén a web www.aquelanenadesarria.gal, está editado un catálogo para que os visitantes “leven a exposición para a casa”, e vén de publicarse un libro que será presentado na Casa de Cultura de Sarria o próximo luns, 31 de maio, ás cinco da tarde.
 
Exposición “Aquela nena de Sarria”
 
Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra, que ten carácter itinerante, visitou en primeiro lugar os centros educativos do Concello de Sarria, e comeza agora o percorrido polo resto da provincia de Lugo e de Galicia, sendo o último destino ata agora en Santiago, no Instituto Rosalía de Castro.

Máis información: www.aquelanenadesarria.gal