A exposición 50 ANOS DO BELÉN DE BEGONTE (1972-2022) chega a Vilalba

Presentouse na Casa da Cultura de Vilalba a mostra 50 ANOS DO BELÉN DE BEGONTE (1972-2022), proxectada polo Colectivo Egeria e o Centro Cultural José Domínguez Guizán (impulsor do Belén de Begonte), apoiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Begonte, e que resume a vida e actividade deste Belén electrónico que a Xunta declarou en 2014 “de interese turístico galego”.

Participaron no acto a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha; a xefa territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez; a viúva de Manuel Rodríguez López (escritor ao que GaliciaDigital e o Colectivo Egeria lle están dedicando un proxecto-homenaxe), Irene López, e o Presidente do Colectivo Egeria e vicepresidente do Centro Cultural, Xulio Xiz.

50 anos do Belén de Begonte (1972-2022)

A exposición está composta por trece paneis que reflicten as datas e os datos máis destacados da historia do Belén, con mención especial ao Nadal de 1972, na que o bispo de Mondoñedo, Monseñor Araujo bendiciu o Belén que nacía, e pronunciou o pregón Víctor Sáenz. Anos despois Monseñor Araujo sería tamén pregoeiro do Belén. O Nadal en Begonte ten sido pregoado neste case medio século por profesores, escritores, xornalistas, políticos, cregos, bispos… e dous Presidentes da Xunta, un presidente do Parlamento, un Arcebispo e un Xeneral. É costume desde a súa creación que ao nomeamento de cada bispo de Mondoñedo-Ferrol sexa este o que pregoe o Nadal begontino, polo que este ano corresponderalle esa especial función a Monseñor Fernando García Cadiñanos.

O último dos pregoeiros ata o de agora, á vez que o primeiro virtual, foi Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Destácase a galeguidade do Belén, o seu carácter de chairego, por reflectir a cultura e os costumes da Terra Chá, convertendo Begonte nunha especial Galilea onde cada ano se escenifica o nacemento do Redentor. Cadanseu panel se dedica aos certames culturais que o Belén convoca (poesía, xornalismo, arte e debuxo infantil), sempre co Nadal como motivo.

Destácase o papel de José Domínguez Guizán (crego de Begonte, fundador) e José Rodríguez Varela (creador do Belén), que aquel 1972 deron ao mundo un belén electrónico que case medio século despois é o Belén do Camiño Norte, con vocación de ser o Belén dos Camiños, que ten mesmo alterado o nome da poboación que o sustenta, que hai anos foi bautizada polos alumnos do Seminario Santa Catarina de Mondoñedo como “Begonte do Belén”. E despois do fundador e o creador, Jesús Domínguez Guizán, como seu irmán crego de Begonte, que desde o pasamento deste asumiu a responsabilidade de continuar o labor relixioso e cultural do Belén, no que leva trinta e cinco anos.

Proba do vencello entre o Belén e o concello de Begonte é que o creador José Rodríguez Varela, cando morreu en 2010, foi declarado Fillo Predilecto do Begonte; e este Concello ten dado o nome dos IRMÁNS DOMÍNGUEZ GUIZÁN (José, fundador; Jesús, actual Presidente, e Milagros, sempre apoiando en segundo plano) á praza inmediata á sede do Belén.

Esta exposición, que está visitando 33 cidades e pobos de Galicia, pon de manifesto a intención dos responsables do Belén de que, mantendo o seu carácter virtual que o pasado ano esixiu a situación sanitaria, este ano volva estar aberto ao público desde o primeiro sábado de decembro ata o último sábado de xaneiro, e tentar superar as 40.000 visitas que se viñeron rexistrando nos anos anteriores á aparición da pandemia.

Máis información: www.belendebegonte.es