A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ foi presentada no CEIP de Muimenta

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou ao CEIP de Muimenta (Lugo). Ao acto de presentación asistiron un grupo de alumnos e membros do profesorado do centro.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro con opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicación da súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta mostra estivo en Guitiriz, Foz, Burela, Lugo, Vilalba, Viveiro, A Fonsagrada, Ribadeo, Triacastela, Ourense e Becerreá. Nas vindeiras semanas seguirá o seu percorrido por concellos e entidades culturais da provincia de Lugo.

Máis información:

www.carballocaleroenlugo.org

https://colectivoegeria.org/portfolio/don-ricardo-de-fingoi-carballo-calero-en-lugo