A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ foi presentada na Casa da Cultura de Vilalba

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou hoxe luns, 26 de outubro, á Casa da Cultura de Vilalba (Lugo). Na presentación participaron Vanesa Siso, concelleira de Cultura, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro con opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicación da súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta mostra estivo na Casa Habanera de Guitiriz, no Centro de Interpretación da Mariña de Foz, nos institutos Perdouro e Monte Castelo de Burela, e na Biblioteca Provincial de Lugo. Nas vindeiras semanas seguirá o seu percorrido por concellos e entidades culturais da provincia de Lugo.

Máis información:

www.carballocaleroenlugo.org

https://colectivoegeria.org/portfolio/don-ricardo-de-fingoi-carballo-calero-en-lugo