A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ foi inaugurada no Centro de Interpretación da Mariña, en Foz

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, chegou este luns, 5 de outubro, ao Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), en Foz (Lugo), onde foi inaugurada coa colaboración do concello focense.

Na inauguración interviñeron o Tenente de Alcalde do Concello de Foz, Xavier Fanego; Faustino Cela Carballo, neto de Ricardo Carballo Calero; e Xulio Xiz, Presidente do Colectivo promotor. Estiveron presentes varios membros da Familia Carballo Calero-Ramos, que subliñaron a relación do escritor homenaxeado con Foz, onde pasou en familia os veráns durante moitos anos.

Asistiron tamén a esta inauguración, entre outras persoas, o cronista oficial de Foz e fillo predilecto do Concello, Jesús Fernández Fernández; o profesor Bernardo Penabade, amigo da familia Carballo; Ramón Reimunde Noreña, escritor, especialista en Carballo; e o escultor e ceramista Daniel Río Rubal (Caxigueiro).

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro que recollen opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicar a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

A exposición ten carácter itinerante, tendo iniciado o seu percorrido no Colexio Fingoi (Lugo) o pasado 15 de xaneiro. Superados os maiores rigores da pandemia, esta é a segunda localidade onde se ofrece esta exposición, despois das dúas semanas que permaneceu na Casa Habanera de Guitiriz (coa colaboración de Xermolos e o Concello de Guitiriz), como actividade complementaria da especial celebración este ano do Festival de Pardiñas. Nas vindeiras semanas chegará a centros culturais e concellos de toda Galicia.

Máis información:

www.carballocaleroenlugo.org
https://colectivoegeria.org/portfolio/don-ricardo-de-fingoi-carballo-calero-en-lugo