Egeria presenta na Biblioteca Pública de Lugo o libro "Los Maragatos de la puerta de San Pedro"

A Biblioteca provincial de Lugo acolleu a presentación do libro "LOS MARAGATOS DE LA PUERTA DE SAN PEDRO", de Antonio Giz e Xulio Xiz, editado por Egeria. Ao acto asistiron Sabela Pérez, directora de Biblioteca; Xulio Xiz, co-autor da obra; Maricarmen Pérez-Carro, presidenta da Fundación Pérez-Carro; Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; e José López Campos, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. No acto, ao que asistiron preto de 200 persoas, foi presentada tamén a exposición itinerante que en 12 paneis en galego e castelán recolle unha escolma de todo o material gráfico e literario contido na obra, e que durante o ano que vén percorrerá toda a provincia de Lugo e outro lugares de Galicia. A web de Los Maragatos de la puerta de San Pedro, posta en marcha en 2021, complementa este proxecto que Egeria vén de desenvolver para a Fundación Pérez-Carro.

Los Maragatos de la puerta de San Pedro

Cara a 1880, a primeira xeración dos MARAGATOS da Porta de San Pedro (Lugo), o matrimonio formado por TOMÁS PÉREZ CARRO e VICENTA GARCÍA CARRO, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, TOMÁS PÉREZ-CARRO GARCÍA (Lugo, 1895).

Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar na historia desta familia, a súa procedencia leonesa e asentamento en Lugo, e a súa especial traxectoria ao servizo do comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro MARÍA DEL CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA, a máis nova dos membros da terceira xeración dos MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO.

Un pouco de historia

A primeira xeración dos Maragatos da Porta Toledana, avós dos actuais, estableceuse primeiro fronte á Porta San Pedro, fóra de murallas, para alí poder comercial libremente sen ter que pagar os fielatos, un dos cales estaba precisamente situado nesta Porta. Crese que TOMÁS PÉREZ CARRO (que faleceu en Lugo en 1914) e a súa esposa VICENTA GARCÍA CARRO (falecida en 1944) chegaron a Lugo en 1880 procedentes de Santa Colomba de Somoza, na Maragatería, aínda que como o matrimonio se celebrou o 3 de febreiro de 1883, hai que supoñer que Tomás veu só e, unha vez afianzado en Lugo, casou en Santa Colomba de Somoza e entón a súa muller acompañouno a esta cidade.

A segunda xeración conformárona os seus tres fillos: CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA que casa con TOMÁS CARRO, tamén maragato, en 1913, e falecería sen descendencia en 1944; MARÍA DOLORES PÉREZ-CARRO GARCÍA, que falecería en 1911; e TOMÁS PÉREZ-CARRO GARCÍA, nacido en 1895 e falecido o 19 de abril de 1981, que casou en 1932 con MARÍA DOLORES GARCÍA CRESPO, nacida en 1905, de familia maragata residente na Coruña.

Do matrimonio PÉREZ-CARRO GARCÍA-GARCÍA CRESPO naceron seis fillos, que conforman a terceira xeración: TOMÁS (1933), falecido en 1939; MARÍA DOLORES (1934), falecida en 1992; JOSÉ (1936), casado con Gabriela Fole Nieto, falecido en 1916; ANDRÉS (1936), casado con Adela Ríos Panisse; VICENTE (1938), casado con María Isabel López-Acuña López, falecida en 2020; e MARÍA DEL CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA (1942).

María Dolores, Licenciada en Económicas, foi Delegada en Lugo do Padroado Nacional de Protección de Menores; José, estivo dedicado aos negocios da familia; Andrés, Cardiólogo da Seguridade Social, na actualidade xubilado; Vicente, avogado, foi Asesor Xurídico do Concello de Lugo e  María del Carmen, Licenciada en Ciencias Políticas e en Dereito, Graduada en Maxisterio coa carreira elemental de piano, abandonou todas estas actividades para dedicarse en exclusiva ao negocio familiar da rúa de San Pedro para rexer a máis orixinal e emblemática tenda da capital lucense.