Egeria presenta en Sarria o libro “Decidín desvelar o proceso”, de Yolanda Díaz Gallego
Foi presentado na Casa da Cultura de Sarria o libro DECIDÍN DESVELAR O PROCESO, de Yolanda Díaz Gallego, sarriana actualmente residente en Barcelona, despois de toda unha vida de activismo galego no Uruguai.
Yolanda Díaz Gallego é unha activista cultural gallega que entre os anos cincuenta e setenta do pasado século foi singular protagonista -muller nun mundo masculino- da acción e evolución galeguista no Uruguai, participando en diversas entidades culturais e colaborando na creación doutras. Este libro é resumo daquel longo proceso, que segue vivo na privilexiada memoria da autora, publicándose agora como testemuño dos acontecementos vividos polos galegos nas terras rioplatenses, completándose as memorias da autora cunha profusa documentación e un elevado número de fotografías. Posteriormente, xa en Barcelona, presidiu durante 26 anos o Centro Cultural O Penedo Fogar Galego, entidade galega de grande actividade social e cultural.
O libro, auténtica lección de historia do labor cultural e social dos galegos en Uruguai, certifica que “na galeguidade asentouse o compromiso”, e nel Yolanda deixa constancia de todo o acontecido para que en Galicia se saiba da ilusión, o traballo e os resultados conseguidos, e non quede no esquecemento todo que alí aconteceu. Está editado por Egeria, coa coordinación de Antonio Giz e Xulio Xiz, e patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Interviron no acto César No, Concelleiro de Cultura de Sarria; Xulio Xiz, por Egeria; Suevia Rodríguez Díaz, filla da autora; Yolanda Díaz Gallego, e -en representación da Xunta de Galicia- Sagrario Sánchez Ramil, xefa territorial de Cultura, Educación, F.P. e Universidades en Lugo.
Palabras de Xulio Xiz na presentación do libro
Na Prensa
La Voz de Galicia, 24/11/2023 - Yolanda Díaz, histórica galeguista de Sarria: «Fun a única muller entre 126 homes no Banco de Galicia de Uruguai» - Versión online
El Progreso, 25/11/2023 - Yolanda Díaz Gallego presenta as súas memorias en Sarria "con Galicia no corazón" - Versión online
O Barbanza, 30/11/2023 - “‘Decidín desvelar o proceso’, de Yolanda Díaz Gallego”. Xulio Xiz