Egeria presenta “A Paradela dos máis novos” e homenaxea a Eduardo Rey no Instituto Gregorio Fernández de Sarria
Este xoves, 30 de novembro, ás 10,30 h, na Biblioteca do Instituto Gregorio Fernández de Sarria, foi presentado o libro A PARADELA DOS MÁIS NOVOS, editado polo Concello de Paradela con motivo do seu bicentenario, e no que colaboraron os alumnos do Ceip de Paradela e os alumnos de Paradela que cursan estudos nos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández.
Nos Institutos sarrianos cooordinaron os traballos dos alumnos os profesores Lola Chaos (Xograr Afonso) e Eduardo Rey (Gregorio Fernandez), e como este último faleceu de forma repentina ao remate do pasado curso, esta presentación foi tamén unha lembranza de agradecemento a este benquerido profesor.
O acto foi coordinado por Ana Valín, coordinadora de Galego do Instituto Gregorio Fernández, e nel interviñeron José Manuel Mato (alcalde de Paradela); Xulio Xiz (que dirixiu o libro); Lola Chaos (Coordinadora no Ies Xograr Afonso), alumnos colaboradores do libro de ámbolos dous institutos, e Marta Ferreiro, Secretaria da Delegación Territorial en Lugo da Xunta de Galicia.
Asistiron os alumnos paradelenses do Xograr Afonso e Gregorio Fernández, entreles varios dos participantes na confección do libro, que recibiron cadanseu exemplar da publicación.