'Don Ricardo de Fingoi', o novo proxecto do Colectivo Egeria en homenaxe a Carballo Calero, presentouse en Lugo
Ricardo Carballo Calero viviu en Lugo, como responsable do Colexio Fingoi, desde 1950 a 1965, período no que aportou a Galicia a parte máis ostensible da súa obra, sendo para a cidade DON RICARDO DE FINGOI, irradiando desde este senlleiro colexio a súa influencia cultural a Lugo e a toda Galicia. Este é o aspecto que se puxo de manifesto na gran homenaxe rendida na capital lucense pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, xunto co Colexio Fingoi, en base á exposición e á web confeccionadas polo colectivo Egeria que en Fingoi se presentaron.
A exposición está formada por trece paneis de 2m. por 1m., nos que se reflicten a relación de Carballo con Lugo, o nacemento e evolución do Colexio Fingoi, a personalidade do seu fundador, Antonio Fernández; o labor educativo de Carballo e a promoción dos seus alumnos, e a repercusión exterior desta etapa lucense de Carballo, que supuxo para o profesor e escritor a súa rehabilitación persoal e social, despois dos tempos difíciles da guerra e da posguerra.
Neste tempo lucense fixo a súa tese doutoral, entrou na Real Academia Galega, completou a súa monumental 'Historia da Literatura Galega', e afirmouse no seu papel de extraordinario investigador e escritor para despois, en Compostela, brillar con todo esplendor.
Na homenaxe participaron Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, por parte da Xunta de Galicia, entidade patrocinadora das accións e homenaxe; Víctor Fernández Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, entidade colaboradora; polo Colexio Fingoi, a súa Directora e filla do fundador, Asunción Fernández Puentes, Siña; no nome dos antigos alumnos, María Dolores Fernández Fernández, alumna de Carballo e axudante súa na etapa na Universidade compostelá; a cantante Pilocha, cantando e recitando un poema de Carballo; os alumnos de 5º e 6º de primaria de Fingoi que, baixo a dirección de Paloma Suances cantaron 'Do mar pola orela'; e os Gaiteiros de Fingoi, dirixidos por Pepe Vaamonde.
Recibiu a homenaxe a filla maior de Carballo, Margarita, que pronunciou palabras de agradecemento e relatou lembranzas dos tempos nos que viviu con seus pais no colexio. Un bisneto de Carballo, neto de Margarita, Jacobo Cela, acompañado polo seu profesor, Manuel Fernández Gayol, tocou ao violín un 'Vals escocés' en lembranza do seu bisavó.
Estiveron presentes numerosos antigos alumnos de Fingoi dos tempos nos que Carballo foi o máximo responsable do Colexio, que participaron na exposición e gardan do seu antigo profesor unha lembranza inesquecible.
Esta mostra itinerante, que terá ata fin de ano arredor de corenta destinos, cunha semana de estancia en cada un deles, permanecerá en Fingoi ata o próximo martes, podendo ser visitada desde o mércores, 22 de xaneiro, na sala de exposicións da Xunta de Galicia en Lugo.
Tanto esta exposición (acompañada por un folleto que reflicte integramente os trece paneis), como a web, e proximamente un libro, forman parte dun proxecto promovido polo Colectivo Egeria, do que informou o seu Presidente, Xulio Xiz, coordinador do acto celebrado no Colexio de Fingoi, e que terá continuidade, entre outras moitas actividades, co que a Real Academia organizará o próximo mes de maio, coa participación de persoas e entidades relacionadas con Carballo Calero e, de xeito especial, coa súa etapa lucense.