Clausurados os actos do Bicentenario do Concello de Paradela, organizados polo Colectivo Egeria

O 10 de marzo de 2023 o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, visitou oficialmente Paradela para clausurar os actos do Bicentenario do Concello, que se viñeron celebrando desde xullo de 2022. Dentro dos actos de clausura desta efeméride o Presidente visitou as exposicións organizadas con este motivo: "Do tempo das luces", mostra de fotos antigas de feitos e xentes de Paradela; "Paradela, senda infinita", sobre a historia e a vida do concello, e "Manuel Rodríguez López, 2.0., sobre a vida e obra do Fillo predilecto de Paradela e destacado escritor.

Atención especial prestou o Presidente a esta Mostra homenaxe a Manuel Rodríguez López, sendo acompañado na visita pola viuva do escritor, Irene López, coa que comentou diversos aspectos relacionados cos contidos da exposición, especialmente os códigos QR a través dos que se accede á palabra e a imaxe do escritor falecido en 1990, correspondentes á súa participación en actividades e entrevistas.

Bicentenario do Concello de Paradela

Dentro das celebracións do Bicentenario do Concello de Paradela, dous elementos serán testemuña permanente do evento: O monumento aos Cabaleiros de Santiago, de Cándido Pazos, descuberto o día de comezo das celebracións, e a placa hoxe descuberta na gran pedra que lembrará a xornada de clausura.

En canto á imaxe, proxectouse un ciclo de películas relacionadas co Camiño de Santiago, coa colaboración do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, e editouse a produción audiovisual “Os nosos maiores falan de Paradela” onde catro veteranos paradelenses contan para a historia lembranzas da súa mocidade na Paradela de mediados do século XX.

No eido das novas tecnoloxías, todas as actividades realizadas neste bicentenario teñen o seu especial espazo na web do concello.

Confeccionáronse tres exposicións, dúas delas itinerantes, tendo que subliñar o impacto da mostra “Do tempo das luces” con máis de setecentas fotografías de feitos e xentes de Paradela, para lembrar a moitos dos que xa non están connosco nos douscentos anos do concello, que veñen coincidir con ese “tempo das luces” no que a fotografía fixo máis luminoso e amplo o mundo no que vivimos.

As dúas exposicións itinerantes, de Paradela viaxaron a Lugo, A Coruña, Santiago, e ás capitais dos concellos galegos polos que pasa o Camiño Francés. Son a dedicada a “Manuel Rodríguez López”, destacado escritor, Fillo predilecto de Paradela, e “Paradela, senda infinita”, sobre a historia e a vida do concello. Das tres exposicións publicouse cadanseu catálogo cos contidos íntegros das mostras.

Superada a problemática da Covid, dentro do bicentenario prestouse especial atención á revitalización das romarías tradicionais do Concello, recuperándose as “das Dores”, a de “Penarredonda” e a de Castro de Rei, así como a tradicional “Festa dos Maiores”, que ateigou estas instalacións con máis de 600 asistentes.

En canto a viaxes, a Asociación “Mulleres de Paradela” e os nenos do Colexio San Miguel visitaron o Belén de Begonte. As mulleres, precisamente, na xornada na que o Sr. Presidente da Xunta de Galicia abría as celebracións do Cincuentenario do Belén.

Como acontecementos singulares temos que destacar a conferencia de Victor Vázquez Portomeñe sobre o Camiño de Santiago, a recepción e acompañamento ao colectivo Aspnais cando acudiu a facer o tramo do Camiño en Paradela, unha nova edición do Certame literario “Manuel Oreste Rodríguez López”, ou a entrega de cadansúa Medalla de Ouro a Rafael Fernández e Rocío Domínguez, polo seu labor de solidariedade e solución dun problema que puido ser moi grave.

No capítulo de natureza unida ao deporte, hai que subliñar o percorrido “Paradela en bici”, e a andaina -en colaboración co colectivo Acivro- polo Camiño vello de Aldosende, considerado un dos máis singulares e mellor conservados de Galicia.

Dúas homenaxes fixáronse nas principais singularidades do concello: Por unha parte, a homenaxe aos peregrinos do Camiño Francés, que foron agasallados con produtos da gastronomía do concello, e por outra aos músicos históricos que formaron parte da Banda de Paradela, que este 2023 cumpre os 150 anos de existencia.

E rematamos esta relación mencionando os cinco libros que se editaron con motivo da efeméride:

- A monografía “Os 200 anos do Concello de Paradela”, de Xaime Félix López Arias, Arlindo, historiador con raíces paradelenses.
- A reedición do extraordinario “Vocabulario de Paradela”, de Manuel Ramiro Pallares López.
- A edición dos traballos do XXVII Certame Manuel Oreste Rodríguez López.                                                                 
- O libro “Xesús Mato, 90 anos e 50 do seu Fuxan os ventos”
- “A Paradela dos máis novos”, con traballos dos nenos do Colexio San Miguel e dos estudantes paradelenses de ensino medio dos Institutos sarriáns.

Un libro que se publicará no decurso do presente ano, gardará memoria de todo o que con motivo deste bicentenario se celebrou en Paradela.

Discurso do Presidente da Xunta de Galicia, don Alfonso Ruedo (mp3)