
Os alumnos de Banda do Conservatorio de Lugo van recibir este mércores unha clase práctica moi especial.
En primeiro lugar, na sala onde se imparten as súas clases, vaise celebrar un breve acto no que intervirán Martín Fernández, director da Banda de Paradela; Ana Belén López Alvarez, tenente de alcalde dese Concello, profesorado de banda da Conservatorio, e Xulio Xiz, Presidente de Egeria, que lles falarán do valor dunha banda de música para un pobo pequeno.
De seguido, todos eles inaugurarán a mostra 150 ANOS DA BANDA DE PARADELA, no primeiro andar do Conservatorio, cunha visita guiada por esta mostra que percorre a peripecia vital dunha banda de música do rural de Paradela que naceu coincidindo coa Primeira República, e que na actualidade está formada por unha trintena de membros entre os 92 e os 12 anos, e que posúe escolas de formación teórica e práctica, e realiza numerosoas actuacións na comarca e en toda a provincia de Lugo.
O proxecto A BANDA DE PARADELA CUMPRE 150 ANOS está organizado por Egeria en colaboración coa Banda de Paradela e co patrocinio do Concello de Paradela e da Xunta de Galicia.
A exposición, que estará no Conservatorio ata o 31 de maio, está composta por 12 paneis roller de 2x1 metros, e nela faise un especial percorrido desde a fundación da Banda en 1873 ata o momento actual.
A BANDA DE PARADELA CUMPRE 150 ANOS
A Banda de Paradela celebrou en 2023 os seus primeiros 150 anos, con diversos actos e con esta exposición itinerante, que percorre a historia da Banda desde a súa fundación en 1873 ata o momento actual; desde o nacemento como “Banda de Barrido”, por xurdir na aldea do mesmo nome da parroquia de San Vicente de Paradela, ata a agrupación que na actualidade dirixe Martín Vázquez e preside a saxofonista Marisol Arias. Faise especial fincapé nos músicos históricos que quedaron na memoria das xentes de Paradela, e da especial afección musical dos paradelenses, destacando a aldea de Barrido, onde había músicos en todas as casas.
Grazas ás informacións recollidas dos xornais La Idea Moderna, El Lucense, La Voz de la Verdad, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia e El Progreso, desde finais do século XIX, foi posible seguir a traxectoria desta Banda, que despois de Banda de Barrido foi Banda de Barrido-Farbán, para desaparecer a comezos dos anos sesenta pola emigración da maioría dos seus membros, e ser recuperada anos despois por músicos que volveron da emigración ou continuaron con actividades musicais na terra.
Destácanse nomes como Cándido López (impulsor da banda ao volver da emigración en Suiza), Pedro Rodríguez (director, que “tocaba todos os instrumentos”, e na súa memoria ten un pequeno museo na súa casa de Barrido), Ramiro Rodríguez (director, fusilado no tempo da Guerra Civil) e “Ramiriño” (o seu fillo, tamén director, que doou a batuta de director de seu pai e o clarinete que el tocaba, ao CENTRAD de Lugo).
Un panel está dedicado ao músico e director Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000, que tocou no Circo Price, e durante dúas décadas foi director da Banda e Escola de Música. E noutro destácase ao músico máis veterano da Banda, Julio Varela, de 93 anos, que toca o bombo, e á máis nova, Sara Arias, de 11 anos, que toca a trompeta.