Foi presentada na Casa da Cultura de Pedrafita do Cebreiro a mostra itinerante "PARADELA, SENDA INFINITA", que co gallo da celebración do bicentenario do Concello de Paradela, repasa a historia do mesmo ao longo de 16 paneis. A mostra conta co patrocinio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia, e Endesa, e este ano vai percorrer os concellos do Camiño Francés na nosa comunidade.
Paradela, Senda Infinita
O concello de Paradela cumpre 200 anos!
Os 1.678 habitantes de Paradela celebramos que o noso concello celebra o seu bicentenario. E se non puidemos facelo no momento exacto, facémolo neste Xacobeo prolongado, que para todos os galegos é tamén motivo de celebración.
Paradela -xunto co de Santa María de Castro de Rei de Lemos, agora parroquia nosa- foi dos primeiros concellos constitucionais e se daquela comezou a nosa historia moderna, celebralo dous séculos despois énchenos de ledicia que vos queremos contaxiar.
Paradela, senda infinita de natureza e vida, é parte esencial do Camiño Francés a Compostela, acubillou vida desde hai milenios e navegou camiños de auga que, mesmo represados, son fonte de vida.
Convidámosvos a Paradela, agora e sempre, para descubrir os nosos segredos, a nosa vida e a nosa hospitalidade.
Benvidos á terra amiga de Paradela!
Máis información: https://museovirtualegeria.org/gl/paradela-senda-infinita