A comunidade galega entrega anualmente dous tipos de distincións para honrar persoas ou entidades, accións ou traxectorias, coincidindo con datas sinaladas para a comunidade: As Medallas de Galicia que se entregan na festa do padroeiro Santiago, 25de xullo, e as Medallas Castelao, que se entregan no Panteón de Galegos Ilustres, ao pé da tumba do que levan o nome, na conmemoración do cabodano da autonomía de Galicia.
Alguén do Orfeón Lucense tivo a idea de solicitar unha das medallas Castelao para o Padre Mato, Xesús Mato Mato, e o Coro solicitou do Concello de Paradela –onde Mato naceu, e onde é Fillo Predilecto- que pedise esta distinción á Xunta de Galicia.
Por unanimidade, o Concello de Paradela acordou solicitar esa distinción, e desde entón non deixaron de chegar adhesións de particulares ou institucións, que apoian a pretensión do concello paradelense para que unha Medalla que leva o nome de figura tan senlleira como Castelao se lle conceda a este crego musicólogo, que leva toda a vida entregado á Igrexa, á Cultura e a Galicia.
Con 85 anos, Xesús Mato reside en Portomarín, moi preto da súa Paradela natal, dedicado á atención de familiares maiores, oficiar a Misa de peregrinos e atender a amigos, compañeiros e devotos que a el acuden como a un oráculo.
Quen dirixiu o Orfeón Lucense, creou coros de rapaces que chegaron a ser o xermolo do histórico grupo Fuxan os ventos, tomando o nome dunha canción da que Mato é autor de letra e música; recolleu centos de cancións populares e aportounas ao coñecemento popular; creou Galicia canta ao Neno para revitalizar as celebracións cantoras do Nadal en Galicia, e foi crego durante vintecinco anos de seis ailladas parroquias da montaña lucense.
Os centos de adhesións evidencian a admiración e agarimo que desperta este vello mozo loitador preocupado por todos, que hai catro décadas creou Auxilia Lugo para facer visibles aos minusválidos que aínfa nos anos setenta as familias escondían como se a súa existencia fose unha plaga bíblica ou un castigo.
Mato está xa na historia de Galicia, e somos milleiros os que temos devoción pola súa persoa. A Medalla Castelao avalará o labor de Mato. Mato reforzará o prestixio da Medalla Castelao.
- Data
- Abril 2018
- Colaboramos
- Orfeón Lucense
- Concello de Paradela
- Tarefa
- Difusión e captación de adhesións.