Esta sendo unha constante nestas últimas décadas a publicación de libros sobre a historia das mulleres que se adicaron as Ciencias, así como a outras ramas do saber. Nestes textos ponse de manifesto frecuentemente que sempre houbo mulleres que se adicaron á Ciencia e que escribiron tratados sobre a mesma, e que seus coñecementos e escritos foron historiograficamente ocultados ou transcritos por homes.
A situación socio-cultural da Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, cun conservadorismo e un clericalismo moi forte, non axudou á incorporación da muller á sociedade moderna que se está a vivir en Europa ou no resto de España. A idea predominante é que a muller debe educarse para cumprir o seu papel de nai, esposa e encargada do fogar.
Con este libro pretendemos dar unha visión da presenza da muller na Universidade, e máis concretamente nas carreiras consideradas de ciencias, mostrar o desenvolvemento da súa actividade profesional, e que así sexa coñecido o seu labor e valorado como merece. Este labor é máis importante e destacado do que poderíamos pensar xa que, como veremos, temos un bo número de mulleres pioneiras que se prepararon e desenvolveron a súa profesión dunha maneira seria e calada, que fixo que pasasen case inadvertidas salvo para as mulleres próximas, parentes ou non, que as tomaron como exemplo para seguir a mesma traxectoria.
Rescatar e poñer en valor a estas pioneiras é contar esa metade da historia que está por contar, así como sentar as bases sobre as que se basearon e desenvolveron os estudos e profesións das mulleres actuais, que nun número pequeno pero importante xa van formando parte do mundo científico e tecnolóxico.
- Data
- Novembro 2021
- Colaboramos con
- Xunta de Galicia
- Tarefa
- Edición e publicación da obra
- Libro
- Descargar libro (PDF)