Velaí unha achega colectiva na honra de quen foi familiar, compañeiro e/ou amigo dos responsables das oitenta sinaturas que avalan o cúmulo de visións, testemuñas e sentimentos que compoñen especialmente para ti unha visión panorámica, poliédrica, do profesor Manuel Regueiro Tenreiro. Verás que se fala de “Lolo”, “Manolo”, “Manuel”, “Profesor”, segundo o grado de confianza ou relación directa de quen asina, porque se trata dun libro no que manda o corazón, e razóns do corazón son as que entenden todo o que nel se fala.
Pode (e debería) haber no futuro traballos que estuden cientificamente o inxente labor intelectual, lingüístico e político de Manuel Regueiro Tenreiro, porque a pretensión deste libro non foi afondar especialmente neses xacementos, senón procurar que os seus máis próximos devotos lle puidesemos dar o “Ata logo” como se mereceu e merece o benquerido MANUEL REGUEIRO TENREIRO.
Ao producirse o pasamento de Manuel Regueiro Tenreiro, os amigos soubemos que non podíamos despedilo doutro xeito que cunha web e un libro que resalten –a través de diversas achegas dos que o coñecimos e queremos- os aspectos máis destacados dunha personalidade tan rica en matices. Transmitímoslle así, a través das nosas testemuñas, os sentimentos que, posiblemente, en vida, non fomos quen de facerlle saber.
Nesta homenaxe estaremos representados desde os compañeiros da infancia e primeira mocidade, dos estudos… pasando por especialistas en filosofía, docentes, escritores, compañeiros na súa etapa política, lingüistas, membros da súa familia, amigos… ata chegar aos compañeiros na súa última batalla en 2019 para poñer de manifesto o vencello indisoluble entre o seu amigo Antonio Fraguas e a cidade de Lugo.
- Data
- Maio 2021
- Colaboramos con
- Xunta de Galicia
- GaliciaDigital
- Tarefa
- Coordinación e edición de libro
- Libro
- Manuel Regueiro Tenreiro: Harmónico Bilingüismo... Harmonía Vital
- Web
- www.manoloregueiro.gal