É unha verdade das que non admite controversia, nin sequera entre os círculos académicos, que o xurdimento das primeiras agrupacións locais das Irmandades da Fala en 1916 supuxo un fito histórico, por representar un punto de inflexión na concepción política e cultural de Galicia. Os seus ideólogos propoñían algo distinto, nunca visto antes: un programa político integral onde tiñan cabida propostas tan pioneiras como reputar o galego como lingua válida en calquera contexto social sen excepcións, ou impulsar un proxecto económico para Galicia de vocación global e radicalmente transformadora.
A escusa era a defensa e a promoción da lingua, certamente, pero as mentes máis lúcidas entre aqueles pioneiros sabían ben que os problemas que afectaban á cuestión lingüística non eran alleos á realidade problemática de natureza económica (financeira, industrial, laboral) da Galicia do momento.
Unha daquelas persoas, impulsor tamén en 1916 das agrupacións de Santiago de Compostela e máis de Vilalba, chamábase Lois Peña Novo, alguén ao que cómpre asignarlle algunhas das achegas imprescindibles e máis solventes na construción daquela empresa admirable.
Este libro está formado por fermosas follas verdes de loureiro en lembranza e rehabilitación de Lois Peña Novo, páxinas escritas por persoas que, movidas pola súa fonda e sincera admiración polo galeguista nado en Vilalba, desexan tributarlle unha ben merecida homenaxe cívica 55 anos despois do seu tráxico falecemento.
Os textos que aquí se ofrecen obedecen a un acto de xustiza ben consciente e lexítimo a unha persoa de vida exemplar que cativou aos seus coetáneos, e aínda nos cativa a tantos polas súas virtudes intelectuais e morais, virtudes que fican expresadas ben ás claras nos dous textos inéditos da autoría de Lois Peña Novo que felizmente aquí se presentan.
Home bo en tempos adversos, valente ante as circunstancias contrarias, posuidor dunha gran curiosidade intelectual e comprometido coa causa do galeguismo sempre, Lois Peña Novo legounos un modo senlleiro de estarmos no mundo que nos debe seguir servindo de lección e guía aos galegos e galegas do presente.
- Data
- Agosto 2022
- Colaboramos con
- GaliciaDigital
- Concello de Vilalba
- Xunta de Galicia
- Tarefa
- Coordinación, edición e impresión do libro
- Libro
- Descargar PDF