Imos coller niños novos...

O 22 de maio de 1912 naceu no Cordón, de Santa Locaia (Castro de Rei) Francisco Vega Ceide, Francisco de Fientosa, considerado polos devotos da súa obra como “O Lorca galego”. Morreu de xeito alevoso no Madrid de 1936, con vinte e catro anos de idade, cando xa era autor dunha obra narrativa e poética, especialmente en castelán, que o elevou a categoría dos grandes da escrita.

O profesor e escritor Ricardo Polín en “A primeira luzada” recompila a obra de Francisco de Fientosa, pechando a recolleita da súa poesía cos “Versos galegos”, que chamaron a atención do tamén profesor e escritor, nado na Ponte Outeiro de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, que foi facendo análise literario e lingüístico de cada un destes poemas, e publicándoos na plataforma en internet GaliciaDigital.

Diante deste estudo, o Colectivo Egeria decidiu publicar o libro “IMOS COLLER NIÑOS NOVOS...” con motivo dos 110 anos do nacemento de Francisco de Fientosa, que se cumpriron o 22 de maio pasado, e preto dos 86 anos do pasamento do escritor.

Na publicación, ademais do estudo do profesor Otero Canto, inclúese o limiar “Versos e ausencia: Cartografía literaria do Lorca Galego”, de Ricardo Polín, máximo entendido sobre a vida e obra do escritor; un traballo de Otero Canto sobre “Francisco de Fientosa e Crecente Vega, unidos pola Ponte de Outeiro”, e a versión en castelán, catalán, vasco e portugués, que proporcionan unha dimensión inédita para a poesía en galego do escritor da Ponte de Outeiro.

A versión en castelán dos poemas estivo a cargo do propio Otero Canto, Catedrático de Lingua e Literatura españolas; as versións aos idiomas catalán e portugués son da escritora, historiadora e investigadora da cultura celta Ana Mar Fraga Rábade, e a versión en vasco de Aitor Fernández de Martikorena, profesor de éuscaro, tradutor, asesor didáctico e formador.

Cada poema do libro vai acompañado dun debuxo da mestra vilalbesa María Guerrero Rico, debuxante e ilustradora, que responde artisticamente á forza poética deste grande escritor, ao que se homenaxea nos 110 anos do seu nacemento.

Data
Xuño 2022
Colaboramos con
Concello de Castro de Rei
Xunta de Galicia
Tarefa
Edición e impresión
Libro
Descargar libro (PDF)